9/26/2013

Novidades en Banda Deseñada

A Banda Deseñada (ou cómic, como adoitamos chamar), estivo ocupando case toda a Maleta das Novidades durante esta semana. Agora van trasladarse ao seu lugar nos andeis que hai a carón da lareira. 

Aquí temos "O viaxeiro", no que o protagonista fai unha viaxe no tempo e aparece no século XVII, grazas a un medallón máxico... soa bastante a outra versión de "Megatoxos", verdade? Sempre son apaixoantes as viaxes no tempo, así que haberá que lelo...


Archimboldo Roque é un rinoceronte unicornio blanco e neste cómic preséntanos aos seus amigos, dos que di: "Na terra hai moita xente, e cada un é cada un...".

Spirou é un clásico da banda deseñada francesa. Nesta ocasión viaxa co seu amigo Fantasio á cidade de Nova Iorque, onde teñen que enfrentarse coa mafia italiana e as triadas chinesas.

E por último temos a Súper López, un clásico da banda deseñada española. Nesta ocasión métese dentro da Caixa de Pandora, onde se atopa con un feixe de personaxes mitolóxicos. 


Estarán disponibles a partires do luns, 30 de setembro. Non esquezas traer o teu carné se queres disfrutar deles na túa casa.

9/25/2013

Para ver os profes e as familias

Teresa Colomer é investigadora e gran defensora da presenza da literatura infantil e xuvenil na escola. Neste video podemos ver un relatorio sobre Literatura Infantil e Alfabetización Inicial, en Arxentina, no ano 2010. Aprendemos sepre de persoas coma ela, xa que, como comentan desde a nosa Asesoría de Bibliotecas, "non utiliza o libro con sentido utilitarista (este libro vale para este tema ou aquel outro), senón cunha función formadora, cunha función educadora e de desenvolvemento persoal.


9/20/2013

O luns abrimos!

E aquí tedes aos bravos voluntarios que van axudar na biblioteca no próximo mes! O alumnado de 6º colabora por terceiro ano consecutivo, axudando aos seus compañeiros. Parece que foi onte cando se estrenaron, en 4º de primaria, e uns centímetros máis baixiños... Agora son uns expertos bibliotecarios que van axilizar coa súa destreza os préstamos da biblioteca.
Temos todo listo despois dunha intensa semana de visitas de todo o alumnado do cole. Aquí tedes un resumo do feito:

9/18/2013

Xa sabemos ata onde podemos chegar?

Esta semana un dos alumnos que visitou a biblioteca preguntou de onde saían os cartos para mercar tanto libro... Contesteille que, despois de mirar o que fixéramos o curso pasado, e vendo o que pensabamos facer, o señor Conselleiro decidía cantos euros íamos ter este curso. Sabemos o que fixemos e sabemos que planeamos: manter tres clubes de lectura, mochilas viaxeiras, préstamos diarios, ... en fin, a nosa programación para este curso. Agora xa podemos ver o que nos dan, na resolución publicada no DOG.

Con estes cartiños temos tanto previsto...! Non sabemos se darán moito de si, pero estirarémolos todo o posible. Hai momentos que non se pagan con cartos...

9/17/2013

De paseo pola biblioteca do C.E.I.P. "Vales Villamarín"


Ás veces a Curuxa sae de paseo coñecer outras bibliotecas. Queríamos agradecerlle a Mari Carmen, a responsable da Biblioteca do C.E.I.P. Vales Villamarín, en Betanzos,  a súa colaboración co noso club de lectura. O curso pasado prestáronnos "Os Megatoxos" e "O meu nome é Skyalker" e disfrutamos moito coa súa lectura. Aproveitamos para entrar na súa biblioteca e curiosear por alí. 
O cole é moi grande... ten máis de 900 alumnos! A biblioteca ten moita luz, e garda fermosos tesouros, como a nosa. Como está no terceiro andar, presumen de que hai que subir "ao ceo" para entrar , e por iso a porta está "dentro" dun sol.
Dentro o espazo está repartido como na nosa: zona tic-tac, audiovisuais, comic, revistas, zona de consulta,...
Ao chegar, vimos que estaban preparando as bibliotecas de aula, que reparten nunhas caixas chamadas "Caixas viaxeiras"
Mari Carmen contounos que eles tamén recibiron a visita de don Xosé Neira Vilas, que compartiu unha mañán con eles, igual que fixo na nosa escola. 
Se queres saber mais desta biblioteca, visita o seu blog, e comenta algo que che guste. 


9/13/2013

Apertura da Biblioteca

Durante a semana que ven todos poderemos visitar a biblioteca para ir lembrando como podemos aproveitala mellor. A biblioteca é un espazo para ler libros, pero tamén para investigar, para experimentar, para descubrir novas historias a través do cine, a través da música e dos xogos. Podemos utilizar mapas, ordenadores, formas xeométricas,... Podemos xogar ao teatro ou recitar poemas. Podemos "viaxar" a través de libros en tres dimensións. E todo iso está ao noso alcance co noso carné de biblioteca. Visitemos o Niño da Curuxa preparando a apertura do día 23 de setembro. 
Estan son as quendas reservadas polos titores e titoras:
Imos aproveitar ben o tempo, abrir ben os ollos e as orellas, para ver o que hai de novo e o que sigue igual.
Na apertura do curso pasado puidemos ver isto:

9/11/2013

Xogar a pensar



Xa todos sabemos que este é o ano dos por que, ou da filosofía, que tanto ten. Para saber que facer desde o principio varias profes da escola recomendaron os títulos de Angélica Sátiro. Despois de consultar o seu perfil, sabemos que é unha profesional moi fiable no tema que estamos tratando. Así que nos lanzamos a comprar o primeiro dos seus títulos, "Jugar a pensar con niños de 3 a 4 años". Completaremos pouco a pouco a serie, enmarcada dentro do seu "Proyecto Noria"
Para facernos unha idea do seu traballo, ademais de consultar a web, podemos botarlle un vistazo a este video:


E xa postos, por que non chegar máis aló? Tamén atopamos este suxerente título "Juegos para hacer pensar a los bebés", que supón un repto para calquera familia. A autora é Jackie Silberg, especialista en estimular aos nenos a través do xogo e da música. 

9/08/2013

Para comezar en setembro

Hai moitas formas de atopar respostas ás nosas preguntas, e ás preguntas dos nosos alumnos e alumnas. Podemos empezar por consultar os libros da nosa biblioteca, moitos deles coa CDU 0, outros, os referidos ás ciencias, coa CDU 5, e outras moitas noutros apartados. Non esquezades consultar o noso catálogo, por se tedes máis curiosidade.  Contamos coa serie SM Saber, ou cos orixinais "Tienen los animales que lavarse los dientes?", ou "Respostas ás preguntas que nunca te fixeches". Tamén podes dispoñer da serie "Preguntas que poñen os pelos de punta". Se queres preparar algunha sesión na que poñer en xogo a capacidade lóxica, dispoñemos da serie "Cerebro en marcha", e se queres sorprenderte coa natureza, "Tamaño real" e  "Animales al natural". Non faltan libros que inclúen sinxelos experimentos, como a serie "Pregúntalle á doctora Peteiro" , ou "Primeiros Coñecementos de Ciencia". Achégate á biblioteca e descubre. 


9/03/2013

Un ano máis

Un ano máis, un curso máis, estamos todos preparados para empezar. Estes días no cole temos moito traballo: elaborar horarios, distribuir espazos, elaborar programacións... Entre todo o labor sempre hai alguén que atopa tempo para pararse a pensar, e nesta ocasión foi Carmen, a nosa conserxe, quen con moito acerto pendurou este artigo no taboleiro da sala de mestres. Manuel Vicent conta, con enorme ternura non exenta de valentía, a  historia do fillo dun xornaleiro que chegou a ser profesor na Universidade. A fotografía que encabeza o artigo aseméllase a unha daquelas que os que temos máis sexenios facíamos nalgún momento do curso escolar, co desgastado mapa da península de fondo. Despois de lelo devagariño descubriredes por que nós, si, defendemos unha escola pública e de calidade. Un ano máis, un curso máis. 
Que teñades todos un feliz curso 2013-14.