5/21/2010

¡Dios qué buen vassalo! ¡Se oviesse buen sennor!

Estimado Sr. D. Diego Calvo:
Dirixímonos a vostede como Equipo Directivo dun pequeno centro educativo da Costa da Morte, o C.E.I.P. “Os Muíños”.
Formar parte dun equipo directivo non é unha tarefa fácil. Como ben saberá, somos os seus (de vostede) representantes diante dos nosos compañeiros (aos que debemos trasladar as súas –de vostede- decisións, e exercer a súa –de vostede- autoridade), e ao mesmo tempo somos os receptores das súas –deles- queixas e as das familias e alumnado para os que traballamos. Isto ofrece con frecuencia moitos sinsabores, pero tamén nos permite estar moi satisfeitos cando acadamos metas, xa que sabemos que sen o esforzo conxunto da comunidade educativa nada podemos conseguir neste lugar periférico da periferia.
Nos últimos anos, o noso centro embarcouse nunha singradura de longo percorrido que terá como fin da viaxe un novo proxecto educativo. A Consellería de Educación –que vostede coñecerá ben- guiounos no noso camiño, como corresponde a un bo líder, e sufragou os gastos que a nosa formación esixía. Alentounos ademais, prestando o seu apoio cando os vaivéns da política fixeron mudar os gobernos que nos darían cobertura, pedíndonos paciencia e mantendo acesa a confianza en que o ensino público, aquel ao que dedicamos tantas horas de traballo, pagaba a pena, xa que de non ser así non investirían as millonarias cantidades que invisten nos proxectos que nós propoñemos. Contando coa complicidade dos nosos compañeiros, mirando as caras dos nosos alumnos, e recibindo o afecto e a colaboración das súas familias decatámonos de que o camiño era o acertado. E por iso nos gusta pertencer ao equipo directivo deste noso centro.
Hai uns meses unha nova promesa abriu novas expectativas, e pensamos que era este o salto definitivo que estabamos agardando. Por fin as carencias que tiñamos para levar adiante o noso proxecto educativo terían solución. Xa non teríamos que cambiar de aula cada vez que precisásemos usar a PDI, xa non teriamos que agardar a que chegase o técnico da Consellería para desfacer os “entuertos” das caprichosas computadoras, … porque iamos entrar en ABALAR. Segundo podemos ler na páxina da Consellería:
“O proxecto busca maximizar o aproveitamento dos recursos, coordinar e impulsar un cambio no modelo educativo apoiado na formación do profesorado e a modernización do ensino que suporá a conversión dos colexios e institutos galegos en centros educativos dixitais.”
Xusto o que nós perseguimos! Se non entrabamos na primeira quenda (estamos acostumados neste curruncho da Costa da Morte), si poderiamos facelo unha vez rematadas as obras prometidas.
Pero … ¡ai! Ao facerse pública a misteriosa resolución atopamos o seguinte:
- O cambio non empeza por “abaixo”, senón por “arriba” (son os IES os que se levan a maior parte do pastel, os pequenos… que saberán eles de ordenadores?”).
- Os centros máis aptos son os privados: eles si teñen infraestruturas, eles si teñen medios, eles si teñen de todo…
- Os mestres máis dispostos son os mestres do ensino privado…
Isto lévanos a pensar :
- Non importa que vostedes sufraguen ano a ano a nosa Certificación de Calidade (por certo, bastante cuantiosa), que nos mantén como único C.E.I.P. da Costa da Morte con tal certificación.
- Non importa o esforzo extraordinario que fai o profesorado do noso centro (subordinados seus, Don Diego) para mellorar día a día o seu traballo.
- Non importa o labor de formación interna que nos esforzamos en facer (axudándonos uns a outros dentro do propio centro), desenvolvendo o modelo de traballo colaborativo, do que tanto presumen.
- Non importa que no noso centro, como en moitos outros da comarca, se estea a desenvolver neste curso: un Proxecto de Formación e Actualización no Centro sobre o Proxecto educativo (PFAC), un Seminario de Biblioteca, un Plan de Autoavaliación e Mellora das TICs aplicadas á educación, que participemos no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (no que estamos incluídos desde a primeira convocatoria).
- Non importa que nós mesmos asesoremos á Consellería no deseño das bases deste proxecto ABALAR tan publicitado.
- Non importa que todo isto sexan capaces de facelo un grupo de tan so 18 profesionais que, rabuñando horas do seu tempo libre, traballan con ilusión para conseguir a mellora da calidade da formación do seu alumnado (non a mellora de resultados económicos da empresa).
- Non importa que nós XA esteamos aplicando este modelo no que pretenden integrar aos centros privados seleccionados.
Logo… que é o que realmente importa? Énchesenos, señor Don Diego, a cara de vergoña allea cando temos que explicalo aos nosos compañeiros e ás familias, no Consello Escolar do noso centro. Lémbrolle, don Diego, que vostede e máis nós traballamos para a mesma empresa, a Xunta de Galicia, que basea o seu labor no progreso de todos os galegos, nomeadamente aqueles que menos recursos teñen.
Nós somos, máis que equipo directivo, mestres de escola e sabemos que o noso labor é educar, instruír, iluminar.
Se precisa luz, Sr. Superdelegado, as portas desta escola (que é a súa) están permanentemente abertas para vostede. Será ben recibido. Veña e aprenda.
Afectuosamente:
O equipo directivo do C.E.I.P. “Os Muíños”

No hay comentarios:

Publicar un comentario