
Como todos os anos o IBBY (International Board of Books for Young people), conmemora o nacemento de Andersen coa publicación dun texto e unha ilustración en torno á literatura infantil. Este ano, o país encargado é México. Temos aquí o cartaz de Juan Gedovius e o texto de Francisco Hinojosa.
"Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro. Ese conto en realidade non era un só, senón moitos máis que comezaron a poboar o mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos seductores, de zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos inxeniosos e soldadiños de chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. Poboárono de palabras, de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir, asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces “Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro…”
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten no camiño.
Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen e morren, os cuentos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais. En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que, ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.
E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e lendas que viaxaron polos séculos, de boca en boca, para exhibir a súa idea da creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos con maior posibilidade de ser felices."
Hans Christian Andersen recolleu da tradición popular historias que converteu en fermosos contos coñecidos por todos. Se queredes reproducir algún deles recortando papel, podedes facer click neste enlace que nos ofrece o blog de leer.es.
Ningún comentario:
Publicar un comentario