9/30/2025

ABRIMOS O 1 DE OUTUBRO


 Coa chegada do mes de outubro damos inicio ás actividades dentro da biblioteca. A partir de mañá, mércores, podemos utilizar a nosa biblioteca coas nosas titoras durante as sesións lectivas ou pola nosa conta nos recreos da mañá ou do mediodía. 

Temos que lembrar que todos os mércores, durante o recreo da mañá, o uso é exclusivo para o alumnado de Educación Infantil. 

No resto dos días podemos utilizalo libremente, sempre que respectemos as normas de convivencia e coidado. 

Lembrade que a nosa é unha BIBLIOTECA TRANQUILA.

9/24/2025

INVESTIGANDO NO PASADO: Os batáns do Mosquetín


Entre os días 30 de setembro e 1 de outubro realizaremos a primeira saída á contorna como punto de partida para iniciar o traballo sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (O.D.S.) que conforman a axenda 2030, tema sobre o que traballaremos durante todo o curso 2025-2026. Será unha visita ao pasado, aprendendo dos nosos trasavós a maneira de aproveitar de forma sustentable os recursos que a natureza ofrece. Neste caso, a auga do Río Grande, un dos máis importantes da nosa comarca, que no Concello de Vimianzo era aproveitado para diversos fins, un deles os muíños e batáns do Mosquetín.
Se premes na imaxe, terás acceso á súa páxina web, e poderás disfrutar dun avance do que imos ver. 


9/19/2025

PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA AO PROFESORADO DE NOVA INCORPORACIÓN

 Para o bo funcionamento da Biblioteca Escolar é fundamental que coñezamos como se organiza, en que programas participa e que proveito podemos tirar de todos os recursos dispoñibles para realizar o noso traballo. Na primeira semana de setembro recibimos ao profesorado de nova incorporación e presentamos a nosa biblioteca. Posteriormente, pasamos un cuestionario para avaliar a calidade da presentación e buscar oportunidades de mellora. Aquí tedes o resultado.


9/09/2025

TROCO DE FIN DE VERÁN

Comezamos este curso 2025/2026 con moitas ganas de aprender. Para iniciar o noso percorrido, non hai nada mellor que compartir. Os libros do Niño da Curuxa buscan un novo acubillo. Queredes acollelos na vosa casa?  Elaborade unha tarxeta postal cunha ilustración e un bo desexo para este curso,  e deixádea na caixa de correo (sempre que vos acompañe un adulto). Tedes dereito a levar dous libros por cada postal.