3/30/2014

PLAMBE

Este escueto título responde á síntese das palabras "Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares", impulsado pola Consellería de Cultura e Educación desde hai nove anos. O xoves e o venres pasado desenvolvéronse os Encontros do Plan de Mellora en Santiago de Compostela e a eles asistimos os responsables de 524 bibliotecas escolares galegas. Sempre é agradable encontrarse con compañeiros e compañeiras que comparten o seu traballo a diario na tarefa da biblioteca, pero o máis destacado este ano foi darlle unha volta de porca máis e falar da ciencia na biblioteca e da ciencia como cultura. 
O catedrático de Física Jorge Mira abriu a xornada do venres para falarnos da ciencia na biblioteca. A súa exposición foi tan atractiva e amena que case chegamos a sentirnos especialistas en ciencia!
Emociona saber que compartimos a idea de biblioteca que queremos poñer en práctica. A prevalencia da divulgación sobre o rigor foi unha das mensaxes que quedou máis clara da súa exposición. Facer sinxela e atractiva unha materia que parece tan abstracta non resulta fácil, pero el consígueo con unha facilidade sorprendente. 
O peche da xornada estivo a cargo do catedrático Antonio Rodríguez de las Heras, que nos fascinou coa súa charla sobre "O lugar da biblioteca na sociedade tecnolóxica". Aprendemos moito de persoas tan sabias, que nos comunican con claridade e sencillez o que coñecen. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario