Hoxe abrin o correo agardando novidades e non malas novas, como a que atopei. Falta María Dolores, unha das almas do proxecto "Salvando Libros", do que tedes a entrada máis abaixo. Non a coñecía persoalmente, non sei poñerlle cara. Pero si coñezo o seu traballo, e o cariño co que a envolvían todos os comentarios das nosas compañeiras do PLAMBE. María Dolores preparaba, como todos nós, este novo curso no seu Instituto, o Luís Seoane de Pontevedra. Conta a familia que un dos seus derradeiros paseos foi a carón do río, buscando fotos para acompañar unha nova idea para a biblioteca.
Ese seu espíritu queda tamén no noso Niño. Desde este curruncho da Costa da Morte agradecemos a súa xenerosidade, e queremos acompañar o noso pranto dun poema de Marica Campo.
Cando digan que fun e non estea,
cando a terra por min o ventre abra,
quen quixere pregar alce a palabra
que tiven eu na boca, e non a allea.
Non me deixen vagar nesta estadea
que co medo e a noite a mente labra,
non me neguen, por Deus, o abracadabra
para saír da cova a onde clarea.
Déixoo dito aquí coa sinatura,
humildemente o digo, mais reclamo
que non me cuspan sobre a sepultura:
Prefiro do silencio o simple ramo
sobre a pedra calada, fría e dura
se non rezan por min na lingua que amo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario