Amosando publicacións coa etiqueta clube de lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta clube de lectura. Amosar todas as publicacións

9/17/2013

De paseo pola biblioteca do C.E.I.P. "Vales Villamarín"


Ás veces a Curuxa sae de paseo coñecer outras bibliotecas. Queríamos agradecerlle a Mari Carmen, a responsable da Biblioteca do C.E.I.P. Vales Villamarín, en Betanzos,  a súa colaboración co noso club de lectura. O curso pasado prestáronnos "Os Megatoxos" e "O meu nome é Skyalker" e disfrutamos moito coa súa lectura. Aproveitamos para entrar na súa biblioteca e curiosear por alí. 
O cole é moi grande... ten máis de 900 alumnos! A biblioteca ten moita luz, e garda fermosos tesouros, como a nosa. Como está no terceiro andar, presumen de que hai que subir "ao ceo" para entrar , e por iso a porta está "dentro" dun sol.
Dentro o espazo está repartido como na nosa: zona tic-tac, audiovisuais, comic, revistas, zona de consulta,...
Ao chegar, vimos que estaban preparando as bibliotecas de aula, que reparten nunhas caixas chamadas "Caixas viaxeiras"
Mari Carmen contounos que eles tamén recibiron a visita de don Xosé Neira Vilas, que compartiu unha mañán con eles, igual que fixo na nosa escola. 
Se queres saber mais desta biblioteca, visita o seu blog, e comenta algo que che guste. 


4/11/2013

"Mecanoscrito da segunda orixe"

Preparando a reunión do Clube de Lectura sobre "Mecanoscrito da Segunda Orixe" atopámonos con esta sorpresa: unha versión audiovisual da obra. 

Edu3.cat
Afortunadamente, cadaquén ten a súa imaxe de Alba e Dídac. Cal é a túa?

3/03/2013

"Queremos ler" tamén na radio

Na vida diaria dun centro de ensino poden vivirse momentos estresantes, noutros casos caemos na rotina, pero con frecuencia vémonos compensados con situacións doces coma esta. Saber que o que sementamos recóllese algún día en abudancia, saber que hai continuidade entre o traballo da escola e o traballo da casa (e viceversa). Un exemplo é o que está a suceder cos clubes de lectura. Xurdiron os tres, non por impulso da biblioteca, do centro, senón porque era unha necesidade das "mamás" ("Lemos no niño"), do alumnado do segundo ciclo ("A chispa da lectura") e do primeiro ciclo ("Queremos ler"). É necesario difundir estas iniciativas, porque na escola pasan cousas moi boas que son pouco coñecidas, e por iso é de agradecer que medios como "Radio Nordés", ou "Que pasa na costa" se fagan eco das novas que lles enviamos. A todos, unha vez máis, grazas.
Tedes aquí a entrevista de Lucía, a alumna de primeiro que pelexou duramente para crear "Queremos ler":

2/23/2013

"Queremos ler"

O pasado xoves, día 21 de febreiro, celebramos na biblioteca a primeira reunión do clube de lectura "Queremos ler", impulsado por unha das alumnas de 1º. Despois de repartir os carnés do clube, empezamos a comentar a experiencia coa lectura dos libros de Anxo Fariña, que fixeran na clase na "Hora de ler". Todos os compoñentes do clube disfrutaron cos libros escollidos, desde a serie "Antón e Pompón" ata "O ladrón de palabras" ou "As linguas dos animais". Sen embargo, todos estiveron dacordo en que preferían outro tipo de lectura: en vez de compartir a obra dun autor dixeron: "Queremmos un libro longo, o mesmo para todos, como os maiores". Pero no Niño sempre hai sorpresas e... claro que podemos ler todos o mesmo libro! E ademais con compañía extra! No C.E.I.P. "Cedeira" de Redondela, en Pontevedra, acaban de ler o mesmo libro que imos ler nós: "Perico, o cangrexo"
No C.E.I.P. Cedeira tamén escolleron como tema o mar, e teñen un blog no que podemos entrar para ver o que están aprendendo. Este blog chámase "Caramuxo"... Pero que será un caramuxo? Aquí están todos os compoñentes do clube dispostos a empezar unha nova lectura, coa súa perigosa arma na man: un libro!

2/09/2013

Anxo Fariña e "Os Megatoxos"


Este xoves xuntouse por fin a "Chispa da Lectura" , o clube de lectura de 4º e 5º. Estivemos tan ocupados que nin puidemos tomar unha foto decente.

Case todos traían na man o seu exemplar de "Os Megatoxos", e coñecían de pe a pa os personaxes, as súas andanzas e mesmo os seus defectos! Ninfa, Faísca, Lúa e Ruxe entraron xa no Niño para quedarse. Para achegarnos máis á figura do seu autor, temos un folleto "interactivo". Para os artistas hai un curruncho de debuxo. Será fácil imitar a Anxo Fariña e os seus deseños?

1/30/2013

A Chispa da Lectura: "Os Megatoxos e o aprendiz de druída"



Despois dunha viraxe vertixinosa (cambiamos a opción "Juegos del Hambre" por "Megatoxos") xa estamos en marcha co clube de lectura. 

Grazas á biblioteca do  C.E.I.P. "Vales Villamarín" , de Betanzos (que nos prestou os libros), e á biblioteca do Fórum Metropolitano de A Coruña, que serviu como punto de intercambio, xa temos aquí 24 exemplares!
Os membros de "A Chispa da Lectura" xa viaxan con "Os Megatoxos e o aprendiz de druída". Este libro foi o inicio da serie máis coñecida de Anxo Fariña, e dá nome tamén ao seu blog: "OS MEGATOXOS".
Anxo Fariña recibiu o Premio Merlín no ano 2011 polo seu libro "A chave da Atlántida", que entrará nestes días no noso Niño.

1/21/2013

"A chispa da lectura"

Este é o nome co que os compoñentes do noso clube de lectura quixeron bautizar o grupo. E aquí estamos, aínda que con algo de retraso, para comezar coas nosas lecturas. Somos os de sempre (4º e 5º este curso), con algunha "pequena" incorporación.
Por se alguén o dubidaba, somos un feixe de "valentes" e imos atrevernos cun desafío importante: "Los juegos del hambre". Esta é unha novela escrita por Suzanne Collins e publicada no 2008 que está ambientada nun hipotético futuro. Ten 395 páxinas cheas de aventura. Agardamos impacientes a súa chegada para "devorala". Seguiremos informando...