10/23/2025

24 DE OUTUBRO, DÍA DA BIBLIOTECA

Desde 1997 a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil promove a celebración do Día da Biblioteca, en conmemoración do incendio da Biblioteca de  Saraxevo durante a Guerra dos Balcáns, en 1992.  Despois deste brutal ataque, o médico e historiador croata Mirko D. Grmek acuñou o termo memoricidio para definir a destrución da memoria e o tesouro cultural do “outro”, do adversario, do inimigo. (1)

Neste ano, o lema escollido é "Contra a desinformación", tendo en conta que nas bibliotecas podemos atopar a resposta a todas as preguntas e dúbidas que se nos plantexan diante de noticias falsas. Segundo o manifesto IFLA-UNESCO sobre bibliotecas escolares :

"Nun contexto onde a información evoluciona rapidamente e as novas tecnoloxías conlevan oportunidades e desafíos, o rol da biblioteca escolar na colaboración activa para fomentar a alfabetización, o pensamento crítico, a creatividade e a cidadanía global a través dunha educación inclusiva e equitativa é máis importante que nunca". (2)



Mañá, 24 de outubro, celebraremos un Día da Biblioteca especial. Imos darlle o toque final á nosa reforma, que nos leva ocupando os últimos 4 anos, e recibiremos nela a persoas que estiveron acompañándonos no proceso, desde a Administración Local ata a a Administración Autonómica. 

Para que todos participemos dun xeito ou doutro, propuxemos que pensásedes nunha situación nova: "Que pasaría se non tivésemos a biblioteca?"

Agardamos polas vosas respostas, que van ser expostas tamén no interior da biblioteca. 


(1): https://www.biblogtecarios.es/luciadominguez/24-de-octubre-dia-de-la-biblioteca/

(2): https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/1843



Ningún comentario:

Publicar un comentario