1/15/2026

PREPARÁNDONOS PARA OS APADRIÑAMENTOS

 


Cando comezamos o proceso de escoller libros para compartir cos nosos afillados e afilladas temos dúbidas sobre as súas preferencias. Sabemos que o importante é gozar da lectura xuntos. Que tipo de libros debemos escoller? Aquí deixamos algúns consellos que poden servir de axuda. 

11/18/2025

OBRADOIRO DAS FAMILIAS

 Hoxe retomaremos a actividade do Obradoiro das Familias, que tantas satisfaccións trouxo en edicións anteriores. 



10/29/2025

QUE PASARÍA SE ... NON TIVÉSEMOS A BIBLIOTECA?

 O 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca". Para nós esta celebración foi especial, porque re-inauguramos este espazo como "BIBLIOTECA LÍA_3". Aproveitamos para reflexionar sobre a necesidade de ter unha boa educación, que sería imposible conseguir sin a nosa biblioteca. Que faríamos nós sen ela?

LECTURAS DE MEDO

Non te perdas a selección de lecturas que fixemos no Niño da Curuxa para gozar destas tardes de outono. Monstros, curuxas, meigas e bruxas que farán que pases unha tarde de medo...! 


10/28/2025

AS MOCHILAS, EN FAMILIA



Esta semana comezamos a segunda ronda de Mochilas Viaxeiras deste curso. O obxectivo desta actividade é servir de motivación para compartir experiencias en familia, desde a curiosidade, a lectura e o xogo. Agardamos seguir recibindo imaxes como esta, que responden ao noso chamado para fortalecer o vínculo entre as familias e a escola. Grazas, Pili, por abrirnos as portas da vosa casa e permitirnos compartilo. 

Outras familias achegástenos os vosos comentarios e suxestións nos cadernos viaxeiros que acompañan as mochilas. En todos eles falades dos materiais que mais vos gustaron e nos fixestes chegar a vosa satisfacción pola iniciativa. As "Mochilas Viaxeiras" sempre nos deron alegrías e vemos que o paso do tempo non altera este sentimento. 
Deixamos aquí algúns retallos do que lemos esta mañá, antes de enviar as mochilas de volta. Grazas a todas as familias, porque facedes posible que a lectura se espalle por todas as nosas parroquias. 
















10/24/2025

HOXE É O NOSO DÍA, O DÍA DA BIBLIOTECA

 Hoxe foi un día moi especial no Niño da Curuxa. Rematamos as reformas dentro do espazo da biblioteca e puidemos recibir a representantes da Consellería, das familias a través da ANPA, dos mestres e mestras da escola e dos libreiros, representados por Dimas Búa, o libreiro de "Arroutada".  Desafortunadamente, por problemas de axenda, non puido estar presente a Directora Xeral de Ordenación e Innovación educativa, as representantes da "Librería Ler" ou Mirian Carril, responsable da Biblioteca Municipal. Sabemos que, en canto poidan, van vir visitarnos tamén. 

Os dez voluntarios e voluntarias do noso cole foron os guías da visita, e explicaron aos asistentes como funciona cada un dos espazos da biblioteca. Foi unha mañá moi agradable na que todos e todas estabamos felices polo traballo realizado. Que mais se pode pedir?


Grazas a todos e a todas os que viñestes a compartir este día con nós. E grazas moi especiais ao noso equipo de Voluntariado polo seu excelente traballo. 




10/23/2025

24 DE OUTUBRO, DÍA DA BIBLIOTECA

Desde 1997 a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil promove a celebración do Día da Biblioteca, en conmemoración do incendio da Biblioteca de  Saraxevo durante a Guerra dos Balcáns, en 1992.  Despois deste brutal ataque, o médico e historiador croata Mirko D. Grmek acuñou o termo memoricidio para definir a destrución da memoria e o tesouro cultural do “outro”, do adversario, do inimigo. (1)

Neste ano, o lema escollido é "Contra a desinformación", tendo en conta que nas bibliotecas podemos atopar a resposta a todas as preguntas e dúbidas que se nos plantexan diante de noticias falsas. Segundo o manifesto IFLA-UNESCO sobre bibliotecas escolares :

"Nun contexto onde a información evoluciona rapidamente e as novas tecnoloxías conlevan oportunidades e desafíos, o rol da biblioteca escolar na colaboración activa para fomentar a alfabetización, o pensamento crítico, a creatividade e a cidadanía global a través dunha educación inclusiva e equitativa é máis importante que nunca". (2)



Mañá, 24 de outubro, celebraremos un Día da Biblioteca especial. Imos darlle o toque final á nosa reforma, que nos leva ocupando os últimos 4 anos, e recibiremos nela a persoas que estiveron acompañándonos no proceso, desde a Administración Local ata a a Administración Autonómica. 

Para que todos participemos dun xeito ou doutro, propuxemos que pensásedes nunha situación nova: "Que pasaría se non tivésemos a biblioteca?"

Agardamos polas vosas respostas, que van ser expostas tamén no interior da biblioteca. 


(1): https://www.biblogtecarios.es/luciadominguez/24-de-octubre-dia-de-la-biblioteca/

(2): https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/1843